25.11.06

A miña roseira



O vello salgueiro, canso e murcho


toda a súa forza concentraba


en vivir naquela póla, mais a vida escapaba.



A vella roseira namorada,


unha rosiña branca cada día


ao seu amado, delicada, ofrecía.



As murchas folliñas despertaban


reidoras, vivindo con forzas novas


estirábanse por acariñas ao seu amado.



Tronou a motoserra e fendeu o silencio,


rompendo o tempo dos namorados,


o salgueiro ao se sentir ferido


quixo unha derradeira aperta, revivido,


ela estremecida, quixo salvalo.



Teceron as súas follas, caendo xuntos


ao chan, ámbolos dous amantes,


alí cinguidos nunha eterna aperta triunfante.