Mostrando entradas con la etiqueta Pastoriza. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Pastoriza. Mostrar todas las entradas

23.5.07

Virxe de Pastoriza, a da cariña branca




Que bonita, que galana!
A Virxe de Pastoriza
a da cariña branca.

A pedir suben romeiros
ao teu berce, por te ver.
Sabes ben das súas penas,
sabes ben do seu querer.

Esta manciña, esta perna,
axúdame, pomba dourada,
este meu fillo querido,
axúdanos Virxe amada.

E que nai non da aos fillos
o que aínde ela non ten?
Subirei no San Miguel
unha e outra vez...

Nai que coa miña estás no ceo,
tan bonita, tan galana,
Virxe de Pastoriza.
a da cariña branca!



3.12.06

Amelia

Era San Miguel. Un ano máis subiamos ata Pastoriza a pé... A avoa sempre nos levaba da man, era o derradeiro parentese do verán ante o comezo da escola, o arrecendo de libros e cadernos novos e o calor do sol aínda forte na pel.
-Falta moito?
-Non, mirade, xa xe ve o alto... Alí está a Señora.
Os pés cansos, o camiño facíasenos largo e un pouco pesado, a verdade, Amelia non falaba moito e nós devecíamos polos seus contos.
-Por que non viñemos no bus avoa?
Nese intre decateime que non nos preguntara se queriamos ir ou non, dixera: “mañá imos a Pastoriza”, e alí estabamos cansos, sedentos e aburridos.
-Porque ten que ser a andar, é unha promesa e as promesas ai que cumplilas –dixo, ca voz especial que só usaba cando falaba de Xacinto, o seu irmán. Aquel caravel alto e guapo de ollos verdazuis coma o mar, compañeiro de xogos e segredos co que tanto nos facía rir falando das súas trasnadas ata que o conto remataba con un: Ai!
Xacinto fora cos amigos, como tantas veces a nadar nas augas de As Canas e na incosciencia da mocidade, ou porque tiña que ser, marchara como a avoa dicía a nadar no mar do ceo porque xa non lle chegaba o noso.
E Amelia calaba e mirándome aos ollos, dicía “coma os teus”, sorría e comezaba outro conto, pero ese día non, premeume a man con forza e mirou lexos.
-Veña, non sexades mixiricas, xa falta pouco, non fagades esperar á Señora.
Moitas veces subín, e ata comprendín máis tarde o por qué daquela aperta da avoa, pois ela sabía xa que eu ía sentir no corazón a mesma ausencia.
Hoxe en Barrañán vin o verdazul do mar da avoa, e a Xacinto sorrir canda ela xogando coas ondas...

Despois, ao chegar á casa alguén dixo que era o día de San Xacinto

Nosa Señora de Pastoriza


Óleo sobre lenzo de Nosa Señora de Pastoriza pintado polo insigne pintor José Luis Canosa
"A Virxe de Pastoriza
quixo subir ata o alto,
para ver aos de Meicende
cando van aos seus traballos..."

18.11.06

Himno á Virxe de Pastoriza


A Carme de Amelia
que nos levou da man.



Somos peregrinos ante o teu altar,
pombiña dourada, para te implorar.

Rosiña de pedra
de doce mirar,
Señora da terra,
Raíña do mar,
Pastoriza nosa!

Vimos os romeiros de moitos lugares,
buscando consolo de tantos pesares.

Mediadora amada do pai celestial,
a súa bondade queremos lograr.

Señora da terra,
Raíña do mar.
Pastoriza nosa!

Estrela lucente, Nai do Salvador,
es luz e camiño de entrega e de amor.

Volvemos ditosos por montes e vales,
cantando louvanzas das súas bondades.

Señora da terra,
Raíña do mar,
Pastoriza nosa!
Pastoriza nosa!

Letra: Manuela Canosa Rabuñal
Música: Ramiro Suárez Gómez